
Ramón Pedro Díaz López
A Pontenova
Alí nacín protexido por un val entre montañas
iniciei a miña vida
co paso do río que circula polas súas beiras
as súas augas non se deteñen
van marcando os nosos ritmos
coas súas correntes o acontecer das nosas existencias
cos seus pozos máis ou menos profundos os acertos os erros
e os seus remansos interpretando sosego
co seu case imperceptible camiñar sempre fermoso
cos grises invernais difíciles pero cargados de maxia
amparando o verdor do noso aire
e os raios de sol escasos pero cheos de enerxía
para iniciarte en amores incertos e sensacións pracenteiras
sempre acompañándome fiel
no transcorrer das miñas andainas
en todos os anos pasados e por vir.
Páxina persoal dedicada a reflexionar sobre os diversos aspectos da vida que fun encontrando ao longo do camiño, partindo do meu pobo natal, das súas vivencias gratamente recordadas co padal de sabores imborrables, e incorporando as pinceladas de sabedoría obtidas da cor de lugares e xentes por onde os meus pés foron dando paso a paso, sixilosamente, encontrando horizontes abertos como os que pretende este traballo que deixa un espazo para quen desexe engadir comentarios, anécdotas, artigos persoais, fotografías...









